miércoles, 28 de abril de 2010

Bosque outonal

As secas e amarelentas follas caídas das árbores, debido á incipiente entrada do Outono, cruxían levemente baixo as suaves pisadas descalzas de Violeta.
Caía xa a tarde, e o sol, mortecino e palidecente, coma se soubese prematuramente do seu final, escondíase cada vez un pouco mais, na lonxanza, sobre os afastados outeiros, no inalcanzable horizonte.
Violeta estaba soa. Gustaba moito de dar longas camiñatas ata lugares distantes, aos que nunca fora. Este bosque estaba a moitas millas do pobo onde vivía, e para ela, que apenas saíra de alí nassúas dúas décadas de vivencia, era descoñecido.
Unha suave brisa meceu cara os lados as ramas dos carballos, despeiteando os azibeches cabelos de Violeta.

Pouco a pouco, o sol foise escondendo, deixando paso a que se alzase unha sombría Lúa de cor de sangue, que tinxiu as nubes cercanas coa sua sinistra e enigmática cor. O ceo era como un músculo trinchado, coma a mesma pel humana seccionada por un coitelo ben afiado.
Violeta continou camiñando, entre as árbores cubertas de musgo, sobre a fresca herba cuberta de pedazos dourados antigamente colorofílicamente fotosintéticos.
Non tardou en ver, mais ben, en sentir; algo nas cercanías. Era como unha presencia, coma algo que soamente existise no mais profundo da imaxinación, nos soños que se teñen a altas horas da perdida madrugada, envolto nas suaves sabas. Un ente espiritual, un pensamento, unha mera aglomeración ectoplásmica de antigas conexións neuronais, guiadas tanto polos impulsos bioeléctricos como pola propiamente intocable e indestructible alma; que se negaba a caer nas gadoupas do mortífico esquecemento.

Él divisáraa moito antes do que ela presupoñia. Dende que entrara na inhóspita arboreda, Violeta caera nas redes do Espírito Gris.
Achegouse lentamente á rapaza de aspecto fráxil. O Espírito ficou fronte a ela, que estaba paralizada polas arcanas e tenebrosas artes do espectro. Os ollos. Os ollos desa rapaza eran coma dous estanques de augas púrpuras e iluminadas. Unha iluminación truncada salvaxe e desgarradoramente pola negra brea borboteante e aterradora que emanaban os iris do Espírito.
Violeta recuou ata que o topou co groso tronco dun castiñeiro, que lle impedía retroceder mais.
A rapaza sentiu o frío abrazo da pantasma. Non podía resistirse. Un escalofrío percorreu as súas costas, coma unha xélida araña deslizándose pola súa columna vertebral.
Sentiu cómo a presencia percorría todo o seu ser, agarimando os seus cabelos, o seu pescozo, recorrendo a súa cintura, as suas pernas.
Algo entrou nela, incorpóreo pero igualmente ferinte, sobrepasando a súa camiseta, a pel do seu peito, as mesmas costelas. Sentiu coma se intentasen chegar ao seu corazón, de forma cada vez mais violenta, hurgando entre os seus tecidos, as súas veas, os seus nervios.
Revolveuse, mais non podía moverse do lugar, atrapada como estaba nos pozos sen fondo das pupilas do Espírito. Non era quen de loitar contra as escuras artes de quen tiña enfronte. Sentíase violada, coma se un ente percorrese todo o seu, dende os pes ata a cabeza, dende o sexo ata o pescozo
Violeta sóuboo con certeza nese mesmo instante. Ía morrer, o Espírito Gris ía devorar a súa alma cando rematase co seu corpo, para aplacar temporalmente a dor que o corroía por dentro.

E Violeta...abrazouno.
Abrazou ao espectro con tanto amor como foi capaz, entregándose a él con paixón e desesperanza, desexando sumirse no mesmo olvido ca el, desaparecendo, pensando anárquicamente en compartir a dor que él sufría, sentindo como a sua entrega cheaba por fin o baleiro oco que tiña lugar no peito do Espírito, onde antigamente houbera un corazón.

E o espírito...desapareceu.

1 comentario:

Blau dijo...

Pobrecita, que sola debía sentirse luego sin nadie que tratara de hurgar en su corazón de la misma forma.